Hai un par de semanas tiven a oportunidade de asistir á representación da última obra de David Mamet, Razas, nas naves que o Teatro Español ten no Matadero en Madrid. Hei dicir que me sorprendeu o local: mantén nas entradas uns plásticos que lembran o seu uso orixinal e, no seu interior, presenta diferentes espazos como salas de exposicións, café-teatro, salas de representacións...A sala onde se representou a obra de Mamet era pequena, apenas nove filas, o que permitiu unha maior aproximación ao espectáculo teatral e aos actores.
Razas é unha aposta arriscada. A obra desenvólvese nun despacho de avogados no que os dous socios reciben a visita dun rico home de negocios involucrado nunha violación. Isto, que xa suporía un tema interesante de seu, complícase posto que o home é branco e a vítima, negra. Tamén os socios do bufete son de diferentes cores, esa é a razón de que foran escollidos para defender o caso.
Nesta obra, os diálogos teñen unha importancia principal -como sempre nas obras deste autor- e poñen de manifesto unha serie de contradiccións da sociedade actual. Unha das situacións máis impactantes é o comezo "in media res": Herry Brown -representado por Emilio Buale-, un dos socios, fai unha aguda disertación sobre casos famosos como o de O.J. Simpson e personaxes famosos como Malcom X o Luther King. A partir de aquí, asistimos a todo un repertorio de diálogos nos que se analizan non só o problema da cor, senón tamén o papel da xustiza, a discriminación positiva, a moral social e mesmo as prácticas das empresas de investigar os seus empregados.
A obra resulta áxil polos seus diálogos e, a súa duración, un tanto breve: non chega á hora e media de representación. O elenco está composto por catro actores que transmiten ben o máis importante da obra: a palabra. Un escenario minimalista e unha iluminación acertada enmarcan todo o conxunto.
O día que eu asistín a representación, despois da misma, tivo lugar un encontro cos actores e co director. Esta práctica, que xa se realiza noutros teatros coma o Old Vic en Londres, resultou moi interesante. Así, comentouse como decidiran poñer en escena a obra, que David Mamet permite a traducción pero non a adaptación das súas obras; os actores negros comentaron que era a primeira vez que os contrataban para representar persoas con estudos superiores e que falaran ben español xa que, ata ese momento, os únicos papeis que lles ofreceran foran de "emigrantes".
Opinión de Carmen Suárez
Fuente de la imagen: http://www.madsssup.com/


1 comentario:
Creo que el día 4 de febrero viene al teatro Rosalía de Castro. Interaremos ir a verla.
Publicar un comentario